› Foros › Off-Topic › Miscelánea
Inma López Silva escribió:
Ao mesmo tempo que leo que hai un millonario norteamericano que ceiba cartos polo mundo adiante, vexo tamén a noticia de que o 71 % dos españois con mascota prefírena antes ca aos seus amigos. Está claro que esa xente non é amiga dese afeccionado a meter cartiños en sobres e experimentar o gozo, tan humano, de que os descoñecidos que os topan sexan felices por un intre. Porque os cans poden quentarche os pés, e, en casos extremos, mesmo poden ser quen de traerche o xornal. Eu sei dun que fora aprendido a abrirlle ao dono a cervexa mentres cantaban os himnos nos partidos de fútbol. Anque o habitual é que os cans pululen sen gran cousa que facer, e que se saiba nunca ceibaron cartos. O dos gatos, se me apuran, aínda é peor, que non hai bicho menos congraciado cos seus donos ca un felino.
¿Como se explica, entón, que haxa tanta xente con mascota que non apreza aos seus amigos? Un motivo pode ser que, dado que os seus amigos, coma os meus, non adoitan ir por aí regalando miles de euros en sobres, prefiren unha vida sen amigos pero coa suavidade de anuncio do pelo das súas mascotas. Outra opción é que aqueles que teñen animais de compañía se volven parvos de tanto estar con bichos irracionais e acaban crendo que os amigos son peores de ter ca un bicho que che mexa e che caga nas alfombras. Por isto, conclúo que debemos dar grazas porque igual o multimillonario que ceiba cartos non ten mascota: se se comportase coma un terzo dos donos de animais deste país, igual doaba os cartos a unha residencia canina, habendo tanta necesidade como hai. Menos mal que aínda queda un terzo de persoas con máis cabeza cá das súas mascotas.